Decálogo por un País en pé

As emigradas e emigrados organizadas en distintos países do mundo arredor de Voltar á Terra, maiormente xente nova, entendemos preciso facer un chamamento desde o exterior no intre determinante que está vivindo Galiza, instando ao movemento xuvenil e a mocidade galega a converter en protagonista a nosa xeración coma motor imprescindíbel dos cambios que esixe a situación.

1. A manifestación unitaria do Día da Patria ten que ser o alicerce dunha candidatura unitaria da nación galega ás eleccións xerais: a crise endémica que sufrimos, o desmantelamento dos nosos sectores produtivos e o envellecemento impulsado pola emigración obrigan a que desde xa demos solucións propias a problemas propios.

2. Só dende a defensa dos nosos intereses podemos aspirar a manter e recuperar os nosos sectores produtivos, e garantir salarios dignos para as clases traballadoras galegas.

3. Vimos dunha nación ben diferenciada e con características propias, por iso os nosos servizos sociais, coma o ensino e a sanidade, teñen que ser deseñados e financiados desde o País, o cal é posíbel só dispoñendo dos impostos que xa pagamos e dos que as grandes empresas galegas cotizan na capital do Estado en lugar de na Galiza.

4. Malia as continuas agresións aos nosos recursos naturais, continuamos a ter un inmenso potencial á hora de desenvolver iniciativas económicas sustentábeis e que poñan en valor o noso ecosistema como un dos elementos chave do futuro que queremos, para poder vivir e traballar aquí.

5. Esta capacidade colectiva tamén é individual, mais dilapídase sen un ensino superior con saída, sen inversión estratéxica en I+D+I e sen ofrecer alternativas para aproveitar a formación académica e laboral das persoas que facemos esta nación.

6. O mesmo acontece no mundo do traballo, hai que pór freo á venda a empresas de fóra dos nosos recursos cun beneficio marxinal para o País e a xente que traballa, ao expolio das autónomas e Pemes, aos contratos miserentos e aos impedimentos no acceso a cretos e axuda a milleiras de galegas e galegos con vontade de emprender. Os recortes e a precarización que nos impoñen desde o goberno español obrigan a milleiros de mozas e mozos a continuar collendo as maletas.

7. Galiza ten que ter poder de decisión en todas as institucións para artellar un sistema galego de cooperativas en todos os eidos económicos, fomentando a formación continua e a integración laboral con créditos sen xuros coma investimento estratéxico.

8. Para acadar estes obxectivos, fainos falla unha banca pública, que independentemente do goberno leve adiante estas medidas, e que garanta que o que xera o nosos traballo redunde no noso ben común.

9. Queremos unha voz forte e unida da nación galega para conseguir derogar o retraso na idade de xubilación e avanzar nas conquistas laborais e sociais. Só cunha vida digna e cuns dereitos avanzados poderemos aspirar a unha sociedade libre e con recambio xeracional.

10. Precisamos unha candidatura unitaria nacional, que defenda e represente ás galegas e galegos alén da Galiza, propiciando a participación desde o exterior; a emigración soluciónase cun País xusto, inclusivo e con traballo digno, e nós tamén queremos ser parte dese futuro esperanzador que lle agarda á nosa Nación.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s