Emigrar, perpetuum mobile

“…incomprendido dunha nai amada e porén, distraída, discreta ou preocupada, o exiliado é un extranxeiro a súa nai” Julia Kristeva

emigracion galega

Cando se emigra, a realidade non ten só a consistencia da pedra, pón a proba a nosa própria consistencia. Emigrar non é o mesmo que deslocarse para desenvolver unha carreira profesional, viaxar ou ocupar un status. Que quen emigra desenvolva despois no país de acollida unha carreira non óbvia o feito de que emigrando non son mais do que estado de exilio. Ángulo crebrado. Emigrar é ficar sempre fora, á intemperie. De súpeto, fálase outra lingua. Até que o afora acaba tendo a consistencia da estabilidade que dá a xornada laboral até a consumación da autoexplotación. Eís o caso da mineralización da emigración galega no estado español. Nin se cuestiona a súa abultada estatística. Acontece como se fose o natural. Aliás, en occidente foi callando a percepción do emigrar vivencial e aventureiro como se fose o contraponto positivo á emigración socioeconómica por falla de oportunidades na pròpria terra. Xogo de ambivalencias entre o destemido e intrépido e o desarraigado e necesitado.

Emigrar é ficar sempre fora, á intemperie. De súpeto, fálase outra lingua. Até que o afora acaba tendo a consistencia da estabilidade que dá a xornada laboral até a consumación da autoexplotación. Eís o caso da mineralización da emigración galega no estado español

O fatalismo da emigración galega lonxe de ser o alineamento planetario de continxencias e vontades, responde sobretodo á fraxilidade política da Galiza. Unha anomalía política que sen dúbida contrae ainda máis o tempo de intervención enmagrecendo e limitando a acción. Ainda que tamén sabemos a consistencia do necesitado, do extranxeiro, de quen soubo desenvolverse na intemperie do non-apego.

Calquera podería ter trazado as relacións de hexemonía da historia de Galiza seguindo a só secuencia dos seus movimentos migratorios. Porque a diáspora laboral galega insírese nunha comprida secuencia que non xurdiu no 2007 nun contexto de corrupción xeralizada no que maioría da xente viviu como insulto o resgate dos bancos e as políticas de austeridade. Porén, ficamos abraiados perante o momento no que a emigración entrando na fase de bricolage, nun mundo idiotizado polo consumo de información fast food, acaba sendo integrada e normalizada dentro dunha concepción do mundo no que todo ten que se mover sen parar.

Calquera podería ter trazado as relacións de hexemonía da historia de Galiza seguindo a só secuencia dos seus movimentos migratorios

Convidados a marcharen. O pasado febreiro Der Spiegel tiraba o seguinte titular: “Os novos Gastarbeiter (traballadores convidados)”. Malia as diferencias, medio século despois ca súa avoa emigrara de Ferrol a Londres para traballar primeiro de “mucama” na casa dun industrial do transporte e de limpadora nun hospital de queimados despois, María de 29 anos vén de repetir o proceso. A avoa pasara un par de días mareada desde que embarcara en Xixón, ela atopou un low-cost a Gatwick. Esta a buscarse a vida como enfermeira de quirófano nun hospital de Enfield, un districto a 37 quilometros da city. Mudaron os contextos mas as dúas estan marcadas pola necesidade de atopar traballo noutro país. O mesmo acontece con T. de 34 anos, que logo de se criar en Suiza co seu irmán, volveu á vila de nacencia dos seus pais para acabar perdendo o traballo na Coruña e presentarse en Munich. Fala alemán como nativo e sabe moito de francés. A empresa na que traballaba prescindeu de 25 persoas. “Aquí o choio tamén está difícil. O traballo do que fala Merkel, u-lo? Non é para calquera. É para médicos e enxeñeiros e por aí. O meu é o marqueting e o que vaia saindo. Sempre sentín falar ben deste país. Pero o soño alemán non existe. Pero nada é tan dramático na época do Skype, WhatsApp e Facebook, non si?”.

Mozos e mozas coma estes son os que a crise da débeda que estalou en 2008 deixou sen porvir, xunto a outros traballadores e pensionistas (os seus pais e avós) a quen a situación económica e a estrangulación do estado social de dereito arrombounos da clase media para guindalos ao limiar da “pobreza normalizada” e á falta de expectativas sociais, privándoos de empregos, vivendas, aforros ou facéndoos temer polo seu futuro.

Precísase interrogar a realidade con preguntas para as que é relevante sabermos canta cantidade de traballo hai cristalizado na emigración como mercadoria

Deitar luz sobre un fenómeno complexo é tanto como facelo sobre a sociedade moderna unha vez que os movimentos migratorios non son simples obxectos colaterais a xestionar, mas pezas chave do proceso productivo e da xeración de valor no capitalismo neoliberal xunto a aspectos que xa non son circunstaciais do proceso productivo e de criazón de valor no capitalismo neoliberal como kairós, o tempo de traballo e de aprendizado, vida pública e tempo de lecer. Portanto, precísase interrogar a realidade con preguntas para as que é relevante sabermos canta cantidade de traballo hai cristalizado na emigración como mercadoria. Se a insatisfacción só acada dicer “non gosto” incapaz de se articular logo como potencial emancipador. Sería desexabel que antes das enquisas máis ou menos banais se tentara argumentar como é que se está a producir o “aproveitamento” dos efectos, nun principio indesexados, en forma de incerteza de expectativa e continxencia dos deslocamentos. Porén, ese xeito de respostar das estatísticas e de interrogar das enquisas responde mal a preguntas que non se fan. Como acontece noutros ámbitos, o mercado continua a decidir qué preguntas son interesantes para a ciencia e para a sociedade.

Ese xeito de respostar das estatísticas e de interrogar das enquisas responde mal a preguntas que non se fan. Como acontece noutros ámbitos, o mercado continua a decidir qué preguntas son interesantes para a ciencia e para a sociedade

…y es que parece que a quien da el salto le cuesta volver!. Eso es que en el fondo tan poco se está tan mal”, deduce unha enquisa asinada polo blog TrucosLondres da “experiencia como expatriado”, cuxos resultados apareceron en forma de artigo no xornal dixital Galicia Confidencial. O blog dun mozo transterrado que se presta a exercer de anxo da garda dos emigrantes do estado español. Que esta enquisa sexa un producto típico da voluntariosa acumulación de euforia das redes sociais 2.0 arredor do “grupo de amigos” (da community de afinidades) ou de servizo á narcista causa de producción ilimitada do eu que os mercados reclaman, non é o que pròpriamente merece o nome de economía ou socioloxía.

Mas ten o seu interese xa que convida de xeito inequívoco a facermos a pregunta que encerran os seus resultados para alén da súa obviedade. Agora que seica temos certa autonomía e democracia formal, porque segue a emigrar a xente de Galiza nunha proporción desnecesaria á súa poboación e riqueza? Para estar millor, madía-leva. Porque quen marchou tivo a experiencia e a percepción de que a millora non chegaría . Canto tempo adica unha persoa a pensar niso? De non caer preso das constelacións familiares e clientelares, o tempo que lle leva facer as maletas, a diferencia entre traballar e funcionar. Unha vez que non é posibel traballar para a comunidade de orixe, traballar para si mesmo (“empresario de si mesmo” lle chama Foucault) ainda que despois se acabe por funcionar todo o tempo para o capital ou para a familia de orixe. A emigración dos sesenta a Suiza ou Inglaterra non diferia niso, ao cabo, a persoa emigrada levaba unha vida en precario para enviar a case totalidade do gaño á familia. Mas, no entanto, quen perde e resultada eivado, entre a dependencia primaria do lugar de nacencia (saudade) e a desvalorización e repudio das orixes, é o eu.

Malia a traxedia africana no Mediterráneo, carece de interese preguntarnos na privilexiada Europa sobre a relación entre traballo, propiedade e emigración entre paises europeos na globalización neoliberal?

Sabemos que a ideoloxía que asulaga por enteiro as políticas da troika, goberno español e Xunta non lle interesan esas preguntas porque se non interesan é porque seica non lle interesa ao mercado. Malia a traxedia africana no Mediterráneo, carece de interese preguntarnos na privilexiada Europa sobre a relación entre traballo, propiedade e emigración entre paises europeos na globalización neoliberal? Por qué o abandono do rural? Por qué o abandono de sectores productivos que ben poderían xerar ocupación cualificada? Logo dunha etapa de igualación polo ensino e de avance colectivo nas capacidades e posibilidades dunha poboación moi desigual, nin a rede nin a empresa poderán substituir a escola e a universidade públicas xa que non garanten o acceso igualitario e universal aos saberes. Non é por acaso que teñan sofrido o asedio dos mercados e a súas alianzas cos poderes políticos.

Os dados da Enquisa de Poboación Activa (EPA) decote son tan dramáticos como a situación que vive a maior parte da poboación. A estatística non xeraliza neste caso como adoita facer ao dimensionar en termos sociais o que é a experiencia diaria de moitos en forma de desemprego. O drama de non ter traballo recalca e concéntrase entre as persoas que hai máis dun ano que non traballan, entre as familias nas que ningún dos membros traballa e entre as persoas novas. A precariedade e a falta de expectativas acaban ensarillando o dia a dia de desesperación pronto a ser optimizada. O que é magoante e debería preocuparlle á sociedade galega é a dimensión do problema do paro da xente nova polas consecuencias a medio e longo termo. En Galiza, no primeiro trimestre de 2015 medrou o paro en 11.900 persoas, cunha taxa de desemprego do 21,8% da poboación activa, acadando o 45,6% entre as persoas de 16 a 29 e o 66,4% entre os 16 e 19 anos. Quer dicer que unha de cada dúas persoas de menos de 25 anos que quer traballar non atopa traballo e o 90% de contratos son temporais.

Traballadores convidados? Velaí a eficiencia do sistema, a súa amabilidade. Convídase a entrar e convídase a sair porque favorecen a ocupación

É obvio que o desemprego xuvenil conleva un dano estructural maior nunha sociedade envellecida e coas taxas de natalidade máis baixas do mundo. Durante o último ano a taxa de actividade (o cociente resultante entre a poboación activa e poboación en idade de traballar) dos mozos e mozas de 16 a 29 anos diminuiu do 55,0 % ao 52,2%, o que quer dicir que hai menos xente nova que traballa ou quere traballar. Como explicar esta diminución? Posiblemente por exilio laboral xuvenil. Que se deduce de todo isto, agora, para a arte de dirixir o grande Estado do “partido de Bankia”? Que a chegada do benestar xeral virá de lle pór fin á dilapidación de xente improductiva. Xurde cando os gobernantes teñen a certeza de non atrancar o paso ao grande conatus que opera nel, un único movimento de explotación que se presenta como resgate en un único movimento de comunicación e diáspora de capitais, de tráfico de mercadorias, dados, diñeiro e persoas. Pola contra, o resultado dun estudo realizado en Dinamarca “Immigrants effect on native workers: new analysis on longitudinal data, Iza Disscussion Paper”,de marzo de 2015 confirma outros estudos realizados noutros paises a escala europea: o aumento da inmigración incita aos nativos menos cualificados a dirixirse a postos de traballo mais cualificados, o que conleva unha mellora dos seus salarios e da taxa de ocupación. Traballadores convidados? Velaí a eficiencia do sistema, a súa amabilidade. Convídase a entrar e convídase a sair porque favorecen a ocupación.

Perpetuum mobile. Resulta magoante vermos a arrogancia con que se continua a banalizar a emigración en Europa e nun Estado que ten un vintetanto por cento de paro e o Mediterráneo convertido no cemiterio azul do “necropoder”(Achille Mbembe). Mais a “mobilidade exterior”, que é a expresión que deu a ministra de ocupación Fátima Báñez para definir a masiva saída ao extranxeiro de mozos e mozas na procura de traballo, é precisamente o correlato aos novos Gastarbeiter (traballadores convidados na Alemania). Mentres a “mobilidade exterior” é constatativa, os “traballadores convidados” remiten a unha acción permorfativa. Aquel elude nomear o que describe, mentras esta é emotiva e intencional.

Porén, escollendo unha expresión liberada de carga emocional que podería ter saído dun manual de economía ou de tráfico marítimo, a ministra debullaba o que ao seu ver alicerza a idea de mobilidade: o fluxo da troca. Facendo da necesidade virtude suliñaba que tamén hai europeos deslocados ao estado español a traballar. De non aceptarmos o cinismo como pensamento de quen non entende a vida como problema común, habería que engadir: e máis das persoas que tentando sobrevivir afogan no Mediterráneo. Ainda así, a exterioridade á que se refire a ministra non é a do superior formato do mundo mas a do estado español no exacto contentor da UE. Aquí as paredes son porosas, ainda que non para todos, nin do mesmo xeito nin para calquera. Repárese que mentras o estado español apela á realidade europea en termos de acollimento de traballadores convidados, a maioria de paises europeos (agás Francia, Suecia, Alemania, Reino Unido e Italia) con España á frente, néganse a defrontar a traxedia humana do Mediterráneo visando conceder o dereito de asilo ao non querer acoller familias enteiras, nenos, vellos e mulleres embarazadas que fuxen das guerras e a pobreza. Mas ese exterior do exterior, ao sur do Mediterráneo, non existe.

O que o eufemismo de Báñez nos mostra- hai que parabenizala pola moita razón que sen querer achega- é que ese perpetuum mobile lonxe de querer maquillar a perda amósaa, se callar de xeito máis crú e descarnado, ao liberalo de calquer carga poética. Como calquera agregado ou epíteto, non determina o nome, senón que o caracteriza tan directamente que nos obriga reflexionar indistintamente sobre a función que teñen as imaxes dramáticas de inmigrantes africanos que puxeron en mans dun traficante o seu destino e os reality “españoles en el mundo”, nas políticas de identidade e de representación das migracións.

É, de feito, un paradoxo irresolubel que teñamos que agradecermos a mobilidade -que nos é tan cara cando se amosa como liberdade, a posibilidade de cambiar de dono- ao noso sometimento ás necesidades da empresa e o mercado laboral global

Do mesmo xeito que hai mobilidade e fluxo incesante de capitais e datos, no sentido común contemporáneo da concepción do mundo neoliberal se inoculan todo tipo de agregados, eufemismos e epítetos. É, de feito, un paradoxo irresolubel que teñamos que agradecermos a mobilidade -que nos é tan cara cando se amosa como liberdade, a posibilidade de cambiar de dono- ao noso sometimento ás necesidades da empresa e o mercado laboral global. Eís o sustrato ou ethos profundo do que se describe como “mobilidade exterior”: disponibilizar o tempo todo do individuo ao aproveitamento en termos de producción e valor da empresa: tempo de traballo, aprendizaxe, lecer privado, vida pública e comunidade da que se fai parte. A “mobilidade laboral” ten asín o seu correlato na “mobilidade exterior”. Dito doutro xeito: a mobilidade laboral exterior é a expròpriación dunha conciencia material comprometida (Sennet) coa comunidade da que fai parte para pasar a ser reapròpriada polo mercado nunha xeira de autoexplotación, ilimitada eficencia e optimum persoal.

Pura positividade que elide responsables para derivalo todo a unha cuestión de “optimización” do suxeito. Sairán axiña as obxecións de quen afirme que o que cómpre e coñecer as causas, que de nada serven as queixas e lamentacións que o que hai é procurar solucións óptimas. Mais non é precisamente ese chamado á optimización un dos vértices do problema? O que produce o mesmo desarraigo que alimenta o sistema productivo do presente. A mobilidade laboral non se asocia nel ao fenómeno da emigración, mas ao oportunismo do emprendedor; non ten os seus atributos de negatividade mas unha ilimitada autoexplotación de si mesmo como único criterio de suceso ou de fracaso. Pola contra, o que se inocula é a mobilidade, un dos atributos esenciais do capitalismo global xunto a ilimitada producción de positividade. A “xeración perdida” que se resigna hogano a procurar traballo nos paises onde antes procuraran os seus pais tornouse no ethos productivo neoliberal un viveiro de emprendedores. Mas a emprendedoria non ten o sentido da liberdade individual cando esta se torna servidume no campo de batalla do posibel, en contra de reapropriación colectiva da capacidade de mudanza, de configuración e coidado libre de espazos de sentido habitables e partillados en igualdade.

A emigración, como o resto das relacións de explotación da política neoliberal, aparece agochada sob a máscara da vivencia lúdica e emotiva das técnicas de psico-poder, expresión núa e intensificada dun xeito de facer eufórico

A emigración, como o resto das relacións de explotación da política neoliberal, aparece agochada sob a máscara da vivencia lúdica e emotiva das técnicas de psico-poder, expresión núa e intensificada dun xeito de facer eufórico. A violencia da positividade. O capitalismo da emoción constitutivo do concepto “psicopolítica” de Byun-Chul Han axústase á mentada “transformación inmunolóxica individualista” de Sloterdijk. A técnicas de inmunidade desenvolvidas polo suxeito de rendimento neoliberal nunha xeira de flexibilización que non se apropia do individuo mas mobilízao para que reproduza o que sendo dominio sexa interpretado como autonomía persoal. De aí a facil converxencia en canto técnica de poder e explotación entre “mobilidade exterior” e liberdade na “forma de autoexplotación”.

Considerarmos que os mozos e mozas que emigran o fan nas mesmas condicións que os franceses e ingleses que chegan vén ser, mais unha vez, a repetición da coñecida negación do deslocamento de poboación galega ao resto do estado español (mobilidade interior?) ao negarlle o calificativo de emigración malia o seu volume e continuidade no tempo e xeración após xeración. Como na música, o perpetuum mobile é unha “corrente continua” de notas en tempo rápido, que nunha das súas variantes refire a partes enteiras ou partes extensas que se repeten decote un tempo indeterminado de veces. A emigración é o perpetuum mobile galego. A emigración pode ser lida asín, en clave galega, como unha topográfica existencial histórica de resignación e fatalismo. A corrente continua que á luz do conceito de mobilidade laboral refire as mudanzas entre categorias profesionais, actividade e territorio orientadas a “optimizar” a situación laboral. Porén, detrás da optimización pola diáspora laboral está a negatividade da emigración como síntoma de fracaso colectivo, unha vulnerabilidade que no caso galego acabou por desenvolver nos individuos sentido inmunolóxico na enteira xeira da vida individualista do presente. Unha negatividade que non pode ser aceite polo discurso neoliberal da optimización e da emprendedoría da democracia realmente emprazada. Dí Peter Sloterdijk, acaídamente, nas “sociedades “ avanzadas, hogano, talvez por primeira vez na historia da convivencia homínida, son os individuos quen, como portadores da competencias de inmunidade, desvencelladas dos seus corpos grupais (até o de agora primordialmente protectores) queren desligar en masa a súa felidade e infelicidade do ser-en-forma da comuna política”.

Mobilidade exterior. A “mobilidade exterior” suliña así o carácter xeográfico do imperativo entre un adentro e un afora tanto xeográfico como subxectivo. Deita luz sobre a diferencia entre vontade de optimización no ámbito laboral (carreira profesional) e o ser expulso do posto de traballo e do pròprio país por falla de oportunidade e expectativa de desempeño laboral na comunidade da que se fai parte. Contodo, a experiencia da emigración como estado de exilio é unha inflexión da persoa inducida polo dictado da negatividade e non a ilimitada vivencia dunha optimización do eu, unha discontinuidade entre a xeral certeza de poder optar a vivir onde se quer e o sometemento a unha realidade política que sendo a pròpria non semella conducirse cara rousseauniana fin de toda asociación política, o benestar dos seus membros. Portanto, cómpre visar a actual emigración galega non só no marco xeral das transformacións do mercado laboral e do sistema de valorización en xeral sob o neoliberalismo malia as abultadas diferencias que hai entre apañar un voó low-cost e agocharse nos baixos dun coche na fronteira de Melilla. Do que se trata é de reparar nos síntomas que dan a pauta das condicións transversais, que non son consecuencia do que a partir de 2008 se diagnosticara como crise e en Galiza teñen raiceiras máis fondas. Nesa xeira, pasouse dos sistemas de solidariedade da comunidade histórica exiliada, de negarlle calquera competencia ou aceno victimiolóxico, a abrazar enteira e completamente o axioma do individuo inmunizado: ninguén vai facer por min o que non consiga facer eu mesmo.

En pleno frenesí das glorias da desregulación, a flexibilización e o traballo inmaterial, a calculada ambivalencia do concepto de “mobilidade exterior” é apenas unha variante do “ethos” que impregna o proceso productivo e a xeración de valor do neoliberalismo como forma de dominación alicerzada en ir erosionando, dispersando e degradando espazos habitábeis. O formato local é un paradoxo da globalización que non significa o seu contrario ou oposto mas a súa concreción colaborativa e democrática, a corresponsabilidade e a reciprocidade, xa que non se trata só de garantir o dereito de circulación mas tamén o dereito a ficar e de sandar a ferida segreda (acrescentando a cita de Kristeva, os e as emigrantes, non procuran mudar a súa situación no lugar onde naceron, a nai terra non retén aos que migran).

Asimilada a emigración a circulación e non a éxodo, a emigración galega no estado español ou nas fronteiras da UE, tórnase unha cuestión de oportunismo, unha reificación ou atrofia do ideal moderno de autonomía persoal.

A mobilidade que ningún atranco para na procura dese territorio prometido que non existe. A mobilidade que, no capitalismo neoliberal é o “ethos” do emprendedor, imprégnase así dos atributos da positividade. Asimilada a emigración a circulación e non a éxodo, a emigración galega no estado español ou nas fronteiras da UE, tórnase unha cuestión de oportunismo, unha reificación ou atrofia do ideal moderno de autonomía persoal. Frente a iso, ao que a intensificación presente da emigración induce- o que entre os galegos foi creando unha topográfica existencial histórica da diáspora- é a devolverlle á autonomía persoal o sentido certo através dun programa político e cultural.Fraco negocio o dunha sociedade que inviste recursos na formación dos seus parceiros para despois abocalos masivamente ao xogo indiferente do posibel e ao mercado laboral estatal e global.

A emigración como excedente de capital social segue a ser optimizada até o punto de non se consentir expresar a súa negatividade, pasando a ser un derivado da emprendedoria e do oportunismo. Só se tolera como incomodidade pasaxeira pronto a ser optimizada en favor do eu en forma de vivencia, do statu quo da sociedade de orixe e das temporarias e interesadas necesidades de producción da sociedade de acollida. Nunca como resentimento ou soberanía en forma dun nós político habitable. Ao cabo, soberanía é exercer control sobre a pròpria mortalidade e determinar a vida como despregue ou manifestación de poder. Do que se deriva o que R.Sennett chama unha “conciencia material comprometida”, quer dicer, a que dialoga a eito cos materiais e a comunidade da que fai parte sen derivar en servidume voluntaria ou adaptación servil. Ao cabo, soberanía é o proceso de apropación colectiva da capacidade de cuidarmos, transformarmos e de vermos.

Só circula a pura positividade dunha información sen contexto que fai da mobilidade un producto máis de pasiva consumición ao ditado de aprender idiomas ou de vivir experiencias

Xa para rematarmos.Volvamos á “troca” na que soergue a idea de mobilidade. Dende esta perspectiva o panorama debullado é o dos inmigrantes que van embora e a dos mozos a mozas autóctonos que emigran e, segundo os resultados do blog que fornece axuda e información aos exiliados laborais, alineados coa idea de positivización neoliberal, estan ben onde están e non queren voltar. Mais nada hai de positivo na troca. Agravando ainda máis a fuxida de debullarmos que mozos, mulleres e inmigrantes constituen os colectivos máis fráxiles en termos laborais. Reparemos nisto. Coa crise acrescentaron as súas vulnerabilidades por mor da destrucción de ocupación en sectores como o masculinizado sector da construcción. Porque o problema da xente nova non é tanto a destruccón de ocupación como a falla dun modelo productivo acaído e suficientemente potente e diversificado para xerar ocupación de cualidade e cualificada. Non é de estrañar que a educación fose un dos eixos máis violentados (asedio neoliberal á educación pública, Bolonia e reforma Wert). O paradoxo é que unha xeración ben formada e fiel ás premisas do rexime (estudia neno estudia!) veu como esas premisas mudaban, mudando asín as ilimitadas expectativas dunha promesa de plenitude fundamentada no esforzo persoal, mas que acabou derivando nun non ainda, un non abonda non é suficiente que os convida amabelmente ao iocoso perpetuum mobile de marchar cando con certeza o que se está a facer é chimpalos fora. A falta de árbitro, só circula a pura positividade dunha información sen contexto que fai da mobilidade un producto máis de pasiva consumición ao ditado de aprender idiomas ou de vivir experiencias. O neoliberalismo torna a impotencia de quen comproba que non hai man invisibel nin quen regule a partida, en permanente optimización do capital humano, a mesma que alicerzara os seus postulados na premisa da formación como garante da igualdade de oportunidades na pròpria terra. Porén, mobiliza as camadas de desempregados de reserva, aquela que utiliza a fraxilidade cando aumenta a producción e os afasta do mercado de traballo cando mingua a demanda. O que confiados separamos ao depositar o porvir na división do traballo e o comercio, o mercado mundial tece e destece a vontade. Porque emigrar nunca será o problema dos outros.

Gabriel Beceiro é doutor de Filosofía pola USC e de Documentación pola UOC. Nado en Cedeira, mora hai case dúas décadas en Girona (Catalunya), onde traballa como director da Biblioteca Biomédica do Institut d’Assistència Sanitària.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s